
SECTORIAL
O BNG ACADA O "ACORDO UNANIME" DA CÁMARA GALEGA
20/09/2010 O portavoz de pesca do BNG pola que se insta ao Goberno español a negociar novas cotas de pesca
Prensa BNG
Santiago de Compostela, 14 de setembro, 2010, Pleno- A proposición non de lei defendida polo portavoz de pesca do g.p do BNG, Bieito Lobeira sobre medidas en defensa da frota pesqueira e contra as restricións de capturas impostas pola UE foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego. O portavoz de pesca do g. p do BNG, Bieito Lobeira denunciara na súa intervención que "a restrición de capturas como xarda, bertorella e pescada impostas á flota galega pola UE, está a conducir á miseria e a perda de postos de traballo en beneficio doutros países, ademais do amarre de buques en portos ante a prohibición de pescar". O problema da pesca non é a carencia de peixe, é político Para o deputado do BNG, a política europea é "devastadora" para a pesca galega con cotas "intolerables" en beneficio da Francia e Alemaña e provoca que os mariñeiros galegos teñan que tirar ao mar a xarda que entra no aparello por ameazas de sancións. Grazas ao BNG, o acordo acadado hoxe no Parlamento galego permitirá á Xunta de Galiza instar ao Goberno español para encetar xestións no aumento das cotas de captura de determinadas especies á flota galega. Medidas urxentes acordadas na Cámara galega Este acordo tamén conleva adoptar as seguintes medidas urxentes na defensa da viabilidade da frota pesqueira galega como: Demandar do Goberno español a adopción das accións para posibilitar o incremento das posibilidades de pesca inicialmente asignadas para o ano 2010 á frota galega para a captura de pescada, xarda e bertorella a través do método preciso (intercambio de cota, reasignación ou calquera outra) que permita a actividade extractiva normal até o 31 de decembro de 2010. Programa de axudas aos buques afectados polas restricións No caso de non se efectivizar a posibilidade expresada no punto 1., as administracións competentes na xestión destas pescarías (Xunta de Galiza e Goberno español), articularán un programa de axudas económicas dirixidas a tripulantes e armadores dos buques galegos afectados pola restrición de cota de pescada e a prohibición de pesca de xarda e bertorella. Asemade, a Xunta demandará do Goberno español a presenza de Galiza nas reunións do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea (no presente ano 2010) que fixarán as cotas de captura para o próximo 2011, así como nas reunións previas e preparatorias. Estudos da evolución de especies galegas Por outra parte o acordo tamén contempla realizar un seguimento do proceso de elaboración de informes científicos sobre a situación da pescada, xarda e bertorella no litoral galego, na súa plataforma continental e augas adxacentes, para o seu traslado e defensa ante as institucións da Unión Europea. O Goberno de Galiza emprenderá as accións precisas nos ámbitos xa sinalados, co obxecto de incrementar substancialmente a cota de captura de pescada, xarda e bertorella para o próximo ano 2011, nun volume que, sendo respectuoso coa sustentabilidade das especies, garanta a viabilidade normal dos diversos segmentos da frota galega dedicados a esta actividade. Melloras na comercialización da pescada, xarda e bertorella Grazas ao acordo unánime acadado polo BNG no Parlamento galego darase continuidade ás medidas, e estableceranse novas liñas de actuación, acordadas co sector, orientadas á mellora da comercialización de pescada, xarda e bertorella capturada pola frota galega, co obxecto de incrementar o prezo destas especies en primeira venda, garantir a distinción da procedencia galega nas fases de mercado, procesado e consumo final, e controlar as importacións. Por último, coa finalidade de acadar maiores ingresos, sen castigar o stock dispoñíbel, constituirase un Comité Técnico que faga o seguimento permanente da evolución das capturas das especies suxeitas a cotas, e dos prezos acadados en primeira venda, coa finalidade de facer informes e recomendacións que sirvan de guía ao sector sobre a evolución da pescaría e dos mercados.